Carlos Casares, un contador de historias

Publicado o 15 de Maio de 2017

Como cada ano desde 1963, o 17 de maio todos os galegos celebramos a riqueza literaria da nosa comunidade homenaxeando a un autor destacado polas súas creacións literarias en galego ou pola súa defensa da devandita lingua. O elixido pola Real Academia Galega para ser homenaxeado en 2017 é o escritor Carlos Casares, “un grande da literatura hispánica do século XX” segundo palabras da institución. Hoxe no blog de As Cancelas facemos un repaso da vida e obra do autor e traémosvos un sorteo para que poidades desfrutar das súas obras máis célebres.

Ademais de escritor, Carlos Casares foi narrador, ensaísta e articulista de prensa. Nacido en 1941 en Ourense, comezou moi novo a mostrar a súa vocación literaria, que se afianzou durante a súa etapa universitaria en Santiago de Compostela, onde entrou en contacto co núcleo da cultura galega.

En 1967 publicou o seu primeiro libro, unha obra de relatos titulada ‘Vento Ferido’, e un ano despois gañou o I Concurso de Contos Infantís da Asociación Cultural O Facho co relato ‘A galiña azul’, converténdose nun pioneiro da literatura infantil en galego.

Coa obra ‘Xoguetes para un tempo prohibido’ conseguiu o Premio Galaxia en 1975 e tres anos despois ingresou na Real Academia Galega, onde foi membro de número máis novo. Tamén foi director da editorial Galaxia entre 1986 e 2002, e da revista Grial entre 1988 e 2002.

A maiores das súas obras orixinais, traduciu varios títulos mundialmente coñecidos ao galego, como ‘O principiño’, do francés Antoine de Saint-Exupéry; ‘Os escaravellos voan ao atardecer’, da sueca María Gripe e ‘O vello e o mar’, do estadounidense Ernest Hemingway.

A mediados da década dos 90, foi nomeado presidente do Consello da Cultura Galega, cargo que mantivo ata 2002. A pesar de seus múltiples compromisos, nunca abandonou a escritura e seguiu publicando obras como a colección de relatos ‘Os escuros soños de Clío’ e as novelas ‘Ilustrísima’, ‘Os mortos daquel verán’ e ‘Deus sentado nun sillón azul’. En 2002, o popular autor falece en Vigo a causa dun repentino infarto.

Aproveitando a celebración do Día das Letras Galegas, na nosa páxina de Facebook temos un fantástico sorteo no que poderedes conseguir un pack de libros de Carlos Casares, para público adulto e infantil, composto por:

Os escuros soños de Clío: libro de narrativa formado por doce relatos, considerado pola crítica como unha das súas mellores obras. Segundo Gonzalo Torrente Ballester, son doce “bromas gastadas á Historia con enxeño e perspicacia, cunha graza de profundas raíces que, se unha se enrosca no corazón e outra se clava na intelixencia, dá ese resultado indefinible que é a flor da literatura”.

Carlos Casares, Os Bolechas: dentro da colección ‘ Miñas primeiras letras galegas’ de Os Bolechas, a famosa familia de ficción infantil creada por Pepe Carreiro no ano 2000, conta cun exemplar dedicado ao autor homenaxeado este ano. Nel, Sonia disfrázase de Carlos Casares para contar o seu conto preferido do escritor ourensán, A rapaza do circo, que sae no libro Vento ferido.

Deus sentado nun sillón azul: obra na que Casares constrúe unha ficción na que a narración axuda a reflexionar sobre o papel dos intelectuais, a súa responsabilidade e as relacións co poder. ‘Deus sentado nun sillón azul’  é unha esclarecedora meditación sobre a elaboración da memoria e a influencia do paso do tempo sobre a forma de entender a vida.

A galiña azul: o libro co que miles de nenos e persoas maiores introducíronse na literatura infantil galega. Foi escrito para Ana, unha nena que se foi de Galicia cando tiña dous anos, para que non se esquecese da súa terra e soubese as cousas que pasaban na súa ausencia.

Para participar, tan só tes que comentar na publicación cal é a túa palabra favorita en galego antes das 23:59h do mércores 17 de maio.

Feliz día das letras galegas!