10 consellos para maximizar as rebaixas
Desde sempre, a data oficial do inicio de rebaixas de verán estivo marcada no calendario o 1 de xullo, aínda que nos últimos anos obsérvase unha tendencia dalgunhas marcas de adiantar o seu período de saldos de verán para chegar ao consumidor antes que a competencia. É por iso que dende hai uns días xa podemos ver nos escaparates dalgunhas tendas os famosos carteis de “Rebaixas ata o 50%”.
Hoxe no blog de As Cancelas facemos un repaso das claves para optimizar o período de descontos e gozar das compras coa máxima garantía. Toma nota, porque comezamos!
1. Fai balance de todo o que tes no armario, xa que é moi habitual esquecerse daquela camisa tan xeitosa das últimas rebaixas que está no fondo do caixón. Seguir un método de ordenación onde poidas ter todas as pezas á vista axudarache moito nesta tarefa de reflexión.
2. Redacta unha lista de necesidades, pero de necesidades reais, para non volver a casa ata arriba de bolsas coa mesma sensación de ‘non teño nada que poñer’ que tiñas ao mirar o teu armario antes de saír. Aínda así, moitas veces é inevitable frear o teu eu impulsivo que te arrastra a levar a casa esa peza tan barata. Precaución amigo cazachoios.
3. Establece un orzamento máximo, no que teñan cabida as necesidades da lista que previamente redactaches. Será útil para asignar o que queres gastar en cada peza e para controlar mellor o volume de gasto. O obxectivo é ir á moda pero tamén comer o resto do mes. Se ademais queres ter un rexistro de todos os cargos, recomendámosche que utilices o pago con tarxeta, así cunha simple ollada aos teus últimos movementos poderás saber ao momento o gasto realizado.
4. Revisa as webs das túas tendas favoritas, para ter unha idea do que vas atopar en tenda. A noite anterior ao comezo de rebaixas xa adoitan ter actualizados os prezos. Serache útil para completar parte da túa lista de necesidades, e para coñecer de antemán se o que tiñas fichado ten desconto (ledicia inmensa) ou se se mantén como nova colección (desilusión máxima).
5. Acode a un centro comercial. Se dispós de pouco tempo, serache máis fácil e máis cómodo atopar as mellores ofertas nun espazo onde se concentren as tendas que máis che interesan, ademais de evitar esa sensación de cansazo que sobrevén logo dunha xornada maratoniana de compras. O aire acondicionado é un punto a favor para facer a xornada máis levadía.
6. Aproveita as horas de menos afluencia, sobre todo os primeiros días de rebaixas. Acudindo a primeira hora da mañá, terás máis tranquilidade e atoparás todo moito máis ordenado que ao final do día, polo que verás con máis facilidade as ofertas dispoñibles e terás máis opcións de atopar o teu talle. E o máis importante, evitarás as pelexas de ‘eu vino primeiro’ cos cazadores de choios profesionais.
7. Inviste en básicos, sacaranche dun apuro en máis dunha ocasión. Unha camisa branca, un vestido negro, uns vaqueiros que senten como unha luva son o tipo de pezas que combinadas co accesorio adecuado convértense no outfit perfecto.
8. Pensa na próxima estación. Cada vez é máis habitual atopar botas e abrigos nas rebaixas de verán e sandalias e shorts nas rebaixas de inverno. Aínda que no momento entren proídos só de pensar en poñer un abrigo, é moi probable que a porcentaxe de desconto sexa moito maior que a que podería ter nas rebaixas de inverno. Se atopas pezas de inverno a prezos de escándalo, non o dubides, cando cheguen os fríos agradecerás ter no armario cousas novas para estrear.
9. Ante todo, decisión. En período de rebaixas non funciona o de ‘volvo mañá a compralo’. Se non tes clara unha compra, esquece as dúbidas e segue a nosa regra universal: se pasa unha semana e aínda non o estreaches, non é para ti. Terás que volver á tenda a cambialo, pero aforrarás os queixumes por non telo levado no seu momento, cando crías que era a túa peza ideal.
10. Conserva os tíckets de compra, é de vital importancia para compras dubidosas, para reclamacións e garantías. Coas présas do momento é probable que se che coe algunha peza con defectos ou taras. Antes de estrear nada, comproba que estea en perfecto estado.
Seguindo esta lista de pequenos consellos estás máis que preparado para afrontar as rebaixas como un auténtico cazador de choios. Moita sorte, e a por todas!