Día do libro con Celi
Este venres 22 de abril, As Cancelas comeza a celebrar o Día do Libro cunha actividade destinada a fomentar a lectura entre os máis novos. Celi, a mascota do centro comercial, dedicará a xornada a regalar aos seus amigos o libro que conta as súas aventuras: Celi, camiño das estrelas, co que o centro comercial quere contribuír á difusión da lectura entre os nenos e nenas do Club de Celi. O simpático extraterrestre estará acompañado de Pere Tobaruela, autor da obra e recoñecido escritor de literatura infantil e xuvenil con máis de cincuenta obras publicadas en castelán, catalán e galego. Tobaruela é, ademais, un excelente contacontos.
Celi e Tobaruela estarán o venres, día 22 de abril, ás 10.30 no Centro de Educación Especial A Barcia. Pola tarde, de 18.30 a 19.30, a mascota e o escritor estarán no local do Club de Celi, na última planta de As Cancelas, para contar contos aos nenos e nenas e regalarlles libros. O luns 25 trasladaranse á planta de Pedriatría do CHUS ás 11.30 para pasar a mañá cos cativos ingresados no centro hospitalario.
O xerente de As Cancelas, Javier Casado, sinalou que con actividades como a do Día do Libro, e sempre a través do Club de Celi, o centro comercial quere “contribuír á difusión entre os nenos e nenas de Santiago e a súa área de influencia de determinados valores e boas prácticas, como poden ser a lectura, o respecto aos animais e o coidado do medio”.